Unha persoa, un referente

Referentes - Unha persoa, un referente

Ernesto ten moi claro quen foron os seus referentes na vida. Tamén o saben Rosa, Pepe e Yolanda. Igual que Abe e mais Pepa. E Lluís, Clara, Isabel...
 
Eles e elas quixeron poñerlle rostro a este proxecto que agora poñemos en marcha. As súas voces permítennos comprobar o valor de contarmos con referentes persoais nas nosas vidas. Alguén de quen recibir apoio emocional e de quen aprender para interpretarmos o noso propio papel no mundo.
 
Dun modo ou doutro, todos e todas contamos nalgún momento con ese referente. Porén, moitos mozos e mozas sen apoio familiar deben prepararse para a vida independente en ausencia de referentes adultos válidos. Aqueles cos cales é tan necesario contar a esa idade crucial.
 
Por iso as persoas que formamos Igaxes3 quixemos dar luz a esta idea. Unha idea que chamamos referentes.
 
Procuramos persoas maiores de 25 anos, alleas ao ámbito da psicoloxía ou a educación social, que queiran poñerse á disposición do mozo ou moza para confiar, escoitar, aconsellar, divertirse, aprender, consolarse ou coñecer unha realidade diferente da propia. É dicir, persoas que queiran ser referente dese mozo ou moza para permitirlle ampliar a súa rede social e camiñar con máis seguridade.
 
Como facelo? Conversando durante un café, preparando un prato típico, facendo unha pequena ruta en bici, indo ver a nova estrea de teatro, xantando no parque con outras amistades... Hai toda clase de opcións coas que mozo e referente poden ir creando un espazo común e un vínculo persoal.
 
As persoas que formamos Igaxes3 estaremos aquí para asesorar, seleccionar e formar as persoas que queiran converterse en referentes. E poñer todo o que está nas nosas mans para que esa relación sexa próspera e, sobre todo, estea baseada na aprendizaxe mutua.
 
Agardámosvos.

Menu politicas 2