A posta en común

 
Cumpridos os primeiros seis meses de vida do proxecto, o pasado 27 de xuño celebramos en Vigo o primeiro encontro de avaliación co noso grupo de voluntarios e voluntarias na cidade. Esta foi a primeira reunión do grupo desde a xornada inicial de formación.
 
Estes encontros están chamados, ante todo, a compartir experiencias. Cada referente fai un relato da súa relación co seu correspondente mozo ou moza. A partir desta posta en común é posible resolver dúbidas, detectar aspectos para mellorar, afianzar os que xa funcionan e descubrir novas vías para fortalecer cada vínculo.
 
Trátase, ao cabo, de falar para normalizar, tanto as relacións a dous, como o proxecto no seu conxunto. No caso do grupo de Vigo, o encontro serviu para constatar que as cousas se están a desenvolver dun modo máis que satisfactorio: referentes é moi util e funciona de marabilla.
 
Como recolle a foto, ao xantar posterior á xuntanza tamén asistiron algúns dos rapaces participantes. Os e as demais non puideron achegarse por estaren traballando ou en horario de prácticas profesionais, así que quedaron máis que dispensados. A xornada dun mozo tutelado ou ex tutelado é sempre dura!
 
Ademais das futuras reunións de avaliación que se han realizar nas outras cidades onde se desenvolve o programa, antes de rematar o ano celebraremos a xuntanza anual de referentes, na que han participar todos os mozos e mozas, voluntarios e voluntarias e profesionais responsables do programa.

Menu politicas 2