Camiño de Barcelona

Marchamos de viaxe! Este sábado, 8 de novembro, tres dos nosos referentes estarán no Encontro Europeo de Mentoría Social que se celebra en Barcelona. Alí verémonos con outros referentes de moitos lugares para falar e aprender cousas sobre o que temos en común: a mentoría. Esa fórmula prodixiosa de compartir tempo, experiencias e afecto con outra persoa que se encontra nunha situación de dificultade.
 
O que temos por diante é o primeiro encontro de mentoras e mentores que se fai en Europa. A ilusión que levamos é moita! A única mágoa deste plan é non podermos levar connosco a toda a gran familia do proxecto: os máis de 50 referentes que hoxe fan posible este proxecto en seis cidades de Galicia.
 
Para deixar o pavillón ben alto estarán en Barcelona tres dos nosos mentores máis veteranos: Charo, Rafa e Mar, dos grupos de Santiago, A Coruña e Vigo, respectivamente. O Encontro defínese a si mesmo como un modo de “recoñecerlles aos mentores o seu rol como voluntarios que axudan a facer camiño ás persoas en risco de exclusión social”.
 
Esta oportunidade de aprender ten un valor especial, porque ser un bo mentor non é fácil! Claro que ninguén o diría a xulgar por este vídeo sobre a historia de Ayoub e Charo, unha das máis antigas que deu o Proxecto Referentes. Unha peza emitida nos informativos de V Televisión hai meses e que non podemos resistirnos a recuperar.

Menu politicas 2